Tuesday 14 de May de 2024

Alumnos da Facultade de Turismo e Empresariais da UDC presentan un proxecto de lecer adaptado para o río Mero


Co profesor Jakson Renner Rodrigues á fronte, un grupo de alumnos de 3º curso do dobre grao de Turismo e Empresariais da UDC presentou ao goberno cambrés un proxecto de turismo e lecer adaptado inclusivo na contorna do Río Mero.

“Un turismo para todos” é o nome que lle deron a este traballo focalizado nun tramo da senda fluvial con adaptacións para que todo o mundo poida gozalo independentemente das súas situación, familias con nenos, persoas con mobilidade reducida ben sexan maiores ou con discapacidade e transitable para cadeiras de bebe ou cadeiras de rodas. Un merendero con pasarelas de madeira, bancos para descansar e unha zona de parque e aparellos de exercicios adaptados para cadeiras de rodas son algunha das súas propostas. O proxecto inclúe tamén un estudo de accesibilidade de cinemas e teatros da cidade da Coruña, dos sete establecementos contrastados os cinemas do C.C.Os Rosales son os únicos totalmente accesibles (tanto para persoas con mobilidade reducida, como para persoas con problemas auditivos e visuais).

Este proxecto xorde grazas a un convenio marco que a Asociación para persoas con discapacidade e familiares, ARELA-Cambre ten asinado coa a UDC. Os alumnos xa visitaran con anterioridade as instalacións que a asociación ten na Barcala para coñecer de primeira man as carencias de lecer e as barreiras arquitectónicas das persoas con diversidade funcional do municipio. Nas enquisas realizadas aos socios propóñenselles distintas actividades de lecer inclusivo e as que espertaron maior interese foron a asistencia a cinemas e teatros e os paseos polo río Mero.

A iniciativa foi acollida con satisfacción por todos os membros da corporación municipal asistentes á presentación, e aínda que se sinalaron dificultades á hora de levar a cabo o proxecto, todos estiveron de acordo na importancia de ter presentes as ideas e solucións técnicas achegadas polos alumnos en futuras actuacións locais. As boas prácticas en materia de accesibilidade e humanización dos espazos e servizos públicos teranse máis presentes en Cambre despois desta visita.